RUTA AO TALLER ↓
IMPORTANTE: Debido ás obras do AVE, o acceso realízase por unha pequena estrada que parte á esquerda da esplanada do Hotel Conde. Alí atoparedes o primeiro dos tres sinais que conducen á casa-estudio, situada a aproximadamente 1 km deste primeiro sinal.
https://maps.app.goo.gl/ExBGGhcwmZXJsf4B8
Durante anos, Xosé Cid foi dando forma a unha antiga casa de aldea en A Pousa, Taboadela, para adaptala aos usos de vivenda e refuxio artístico para o seu traballo e o do seu fillo Rosendo Cid. No mesmo lugar, Xosé Cid modela as pezas ao aire libre e traballa no seu taller de fundición e conta cun museo propio no que expón as súas creacións así como dun xardín onde se erguen algunhas das súas esculturas.
Xosé Cid
Nacido no Val da Rabeda en Ourense, comeza a súa andaina de maneira autodidacta a finais dos anos sesenta sen adscribirse a escola ou grupo algún. Traballa co barro, madeira, pedra, mármore e bronce como elementos principais que dan a entender unha escultura que trata de superar a plástica figurativa cara a unhas formas sintéticas. Ten feito unha importante cantidade de obra pública, das que poden destacarse o monumento a Breogán, nos arredores da Torre de Hércules na Coruña; o monumento a Concepción Arenal, en Ferrol; a San Rosendo en Ourense, e moitos outros monumentos e bustos espallados por Galicia de destacados escritores, coma Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares ou Otero Pedraio. Ten obra en importantes colecións privadas e públicas. A evolución da súa obra ata hoxe o conforma coma unha das figuras máis salientables da escultura galega dos últimos cincuenta anos.
Rosendo Cid
Artista e escritor, traballa varios medios como a escultura, o colaxe, o debuxo ou a fotografía. Ten prologado diversos catálogos de arte e comisariado exposicións. Das últimas individuais sinalar a mostra Mais alá De catro a catro, na Sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo (2024) grazas ao premio CultivaCultura; e no 2023 o solo project coa galería NORDÉS para a sección comisariada por Lorena Martínez de Corral na Feria Estampa, en Madrid (2023). Dos últimos libros publicados destacar, O señor H (Rodolfo e Priscila 2024) ou Poemario Geométrico (Estraperlo editora 2021). Nos libros colectivos aparece en El cántaro a la fuente. Aforistas españoles para el siglo XXI. (Apeadero de Aforistas 2020). Dos premios resaltar o Primeiro premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea (2018), ou o premio de comisariado para a Zona C, de Santiago de Compostela, coa mostra Un cuarto propio, con obras da artista Rosa Neutro (2017). Está representado pola galería Nordés, de A Coruña. Está representado pola galería Nordés, de A Coruña.