Frenética Lab é o laboratorio editorial impulsado por Olga Pastor Alvarado na rúa Antonio Puga de Ourense. O espazo funciona como lugar de creación, edición e encontro, aberto a propostas artísticas vinculadas á ilustración, ao libro e ás prácticas gráficas contemporáneas.
Nesta edición acolle a obra de Maria Dulce Duarte-Silva (MID) e Elena Guevara, dúas creadoras cuxas prácticas comparten o interese polo traballo manual, a observación e a exploración dos materiais. A través do batik, o debuxo urbano e a combinación de diferentes técnicas, ambas constrúen miradas persoais sobre a contorna, a memoria e os propios procesos de creación.
Maria Dulce Duarte-Silva
Maria Dulce Duarte-Silva, MID, naceu en Mozambique e comezou a traballar co batik en 1970. Esta técnica milenaria, orixinaria da illa de Xava, emprega cera quente para bloquear a entrada da cor sobre tecidos de seda ou algodón. MID incorporou tamén os usos e a intensidade cromática que o batik adquiriu en África, desenvolvendo unha práctica precisa pero aberta ao azar: alí onde cae a cera, a tinta non penetra e o resultado definitivo só se revela ao final do proceso. Participou en exposicións individuais e colectivas, e a súa obra atópase en diferentes partes do mundo.
Elena Guevara
Elena Guevara é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e desenvolve a súa actividade profesional no ámbito do deseño gráfico e web. É tamén integrante de DebuxOu, colectivo de debuxantes urbanos da provincia de Ourense que participou en anteriores edicións de Estudios Abertos.
Os seus traballos nacen da observación directa e funcionan como rexistros dos lugares e do tempo que habitamos. Emprega tinta, acuarela, lapis e acrílico nunha práctica que combina o inmediato do debuxo urbano coa experimentación plástica. Participou en exposicións como Marzo todo o ano, na Sala Valente de Ourense, e Etopeyas, presentada no Mur Marxinal de Ourense e na Casa Rodante de Vigo. Esta será a primeira ocasión na que participe individualmente en Estudios Abertos.
