Nesta 𝘐𝘐𝘐 𝘦𝘥𝘪𝘤𝘪𝘰́𝘯 𝘥𝘦 𝘌𝘴𝘵𝘶𝘥𝘪𝘰𝘴 𝘈𝘣𝘦𝘳𝘵𝘰𝘴 𝘖𝘶𝘳𝘦𝘯𝘴𝘦 teremos novamente a oportunidade de visitar a Casa Museo de Xosé Cid, unha das figuras máis salientables da escultura galega contemporánea.
Nado no Val da Rábeda, San Cibrao das Viñas, en 1946, Xosé Cid comezou a súa traxectoria autodidacta a finais dos anos sesenta. Traballa con materiais como o barro, a madeira, a pedra, o mármore e o bronce, construíndo unha linguaxe propia que supera a figuración para avanzar cara a formas cada vez máis sintéticas.
A súa extensa traxectoria está marcada por unha importante presenza no espazo público, con obras emblemáticas como o monumento a Breogán na Coruña, a Concepción Arenal en Ferrol ou a San Rosendo en Ourense, ademais de numerosos bustos e esculturas espallados por toda Galicia.
