Xabier Varela (Allariz, 1970) é pintor e gravador autodidacta cunha traxectoria marcada pola exploración constante das técnicas da pintura e da gravura. Realizou a súa primeira exposición en 1984 e desde entón desenvolveu un traballo experimental que combina soportes como papel, madeira, metal ou tea, integrando procesos tradicionais e contemporáneos. A súa obra transita entre a paisaxe, a memoria e a materia, xerando diálogos íntimos co espectador a través da cor e da textura.
Formouse tamén en fotografía na Escola de Artes de Mallorca e na EASD Antonio Faílde de Ourense, e ampliou coñecementos de gravado en centros como o CEIC de Betanzos. Exhibiu en cidades como Ourense, A Coruña, Madrid, Palma de Mallorca, Lisboa, Chaves ou o País Vasco. Paralelamente, colaborou co mundo escénico e audiovisual, tanto en proxectos de cine en vivo coa compañía Cinemasticado como en escenografías para a Compañía Amigos do Marcial, achegando a súa linguaxe plástica ao teatro.