Natasha Lelenco (Chișinău, Moldavia) é unha artista visual, graduada en Historia da Arte pola UNED e licenciada en Belas Artes pola Universidade de Cluj-Napoca (Romanía). A súa práctica explora cuestións como a identidade, a memoria e a pertenza a través da pintura, combinando técnicas tradicionais con linguaxes visuais contemporáneas e integrando iconografía popular e referencias ao universo dixital.
Nos últimos anos desenvolveu series como Fetiches, URthe1 ou Exchange Currencies, presentadas en exposicións individuais e colectivas en España e no estranxeiro. Participou en citas internacionais como NordArt (Alemaña, 2019 e 2022), a Trienal de Tijuana (México, 2021), Fresh Legs (Berlín, 2022 e 2024) ou The Border no Irving Museum and Archives (Dallas, 2024), ademais do proxecto Voices of the Unseen no Karlsruhe Institute of Technology (Berlín). A súa obra forma parte de coleccións privadas en Europa e América.
Cofundadora e comisaria de Casa das Peritas, espazo de produción artística na Costa da Morte e galería online, compaxina a creación con proxectos curatoriais e colaborativos. O seu traballo proxéctase internacionalmente sen perder a conexión co territorio, entre a Costa da Morte, onde impulsa iniciativas colectivas, e Ourense, onde mantén o seu estudo permanente.
