Skip to content Skip to footer

DODO DADÁ

Fundado en 2023, Dodo Dadá é un espazo híbrido situado no casco histórico de Ourense que funciona como galería, escola de arte e obradoiro dos seus impulsores, Marita Carmona e Xosé Vilamoure. En pouco tempo consolidouse como un dos focos artísticos máis dinámicos da cidade, un lugar no que creación, aprendizaxe e exposición conviven de maneira natural.

Nesta edición de Estudios Abertos, Dodo Dadá abre novamente as súas portas coa participación de Eva Ragnarok, que regresa como artista convidada por segundo ano consecutivo, e de Óscar Sánchez, que se incorpora por primeira vez ao encontro.

Marita Carmona

Marita Carmona (Madrid, 1975) iniciou a súa traxectoria profesional en 1995 coa súa primeira exposición individual na Coruña. Desde entón presentou a súa obra en diferentes cidades de Galicia, así como en León, Barcelona e Herne, en Alemaña.

A súa práctica desenvólvese principalmente a través da pintura e da técnica mixta, aínda que se estende tamén á instalación, aos obxectos e á construción de espazos e escenarios. O seu proceso combina a atención consciente, a intuición e o azar para facer aparecer formas e relacións entre o íntimo e o compartido.

Xunto con Xosé Vilamoure, dirixe Dodo Dadá e desenvolve nel a súa actividade docente, compartindo un espazo de traballo, aprendizaxe e produción artística. Participou tamén na publicación Las certezas del sol, editada por Frenética — Laboratorio de Arte e Edición.

Xosé Vilamoure

Xosé Vilamoure (Vilamoure, 1967) traballa principalmente sobre papel, aínda que a súa práctica se amplía tamén á escultura cerámica. Desenvolve a súa obra en series que lle permiten observar a súa evolución e establecer relacións entre as pezas ao longo do tempo.

Autodidacta por natureza, o seu proceso creativo parte da observación case azarosa de obxectos, animais, arquitecturas, emocións e elementos da natureza. Case calquera cousa pode funcionar como estímulo para iniciar unha nova serie.

Entre os seus traballos destacan Sofás, Lámpadas, Taschen, Animais en perigo de extinción e Habitacións con camas para pisos que non se venden. Nesta edición presenta a serie Ollo Ledo.

Instagram: @xosevilamoure

Óscar Sánchez

Óscar Sánchez (Santiago de Compostela, 2001) desenvolve a súa práctica entre a ilustración, a edición e a poesía. Participou nos fanzines Sacrificio e Ao demo comend’Amor, publicados por Malafera, e no proxecto solidario A balada do exilio, de Xulio Cid Neira, editado por Saurobuks.

Ilustrou tamén o libro Fogo fixo e voador, de Paulo Hortak, e publicou o poemario ilustrado Irreversible con Malafera.

Eva Ragnarok

Eva Ragnarok (Comunidade Valenciana, 2002) é unha artista e ilustradora residente en Ourense que participa por segundo ano consecutivo como convidada de Dodo Dadá. En 2025 completou o Ciclo Superior de Ilustración na EASD Antonio Faílde e formouse tamén neste espazo con Marita Carmona e Xosé Vilamoure.

O seu traballo sitúase no territorio da abstracción e do expresionismo abstracto. A través da textura, da cor e da propia materia aborda o subconsciente e emocións como a vulnerabilidade ou a introspección, configurando un universo plástico expresivo e escuro.

Info do Espazo

Marita Carmona, Xosé Vilamoure, Óscar Sánchez e Eva Ragnarok

DirecciónRúa da Liberdade, 32, OurenseHorarioVenres 23 de 17:00 a 21:00. Sábado 24 de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Domingo 25 de 11:00 a 14:00Webgaleriadododada.comShare