Mon Devane (Ourense, 1985) é un artista urbano recoñecido polo seu potente estilo fotorrealista, marcado polo uso singular do turquesa como identidade visual. Iniciado no graffiti en 2003, desenvolveu unha ampla traxectoria internacional vencellada ao muralismo contemporáneo, participando en festivais como Meeting of Styles, Upfest ou Free City, e colaborando con marcas como Estrella Galicia, Danone ou Garnier. A súa práctica mural establece un diálogo constante entre pasado e presente: investiga oficios, lendas e tradicións locais para reinterpretalas a través do spray, xerando un contraste entre o tradicional e o moderno, o rural e o urbano, o clásico e o contemporáneo.
En paralelo, no seu estudo leva o mural cara a novos soportes, como na serie Pulpezas, onde experimenta coa cerámica e a escultura vinculándoas á cultura popular e ao graffiti. Esta expansión ao espazo expositivo pon en xogo memoria, cultura material e estética contemporánea, nun proxecto artístico que busca democratizar o acceso á arte e tender pontes entre o local e o global.