Jaime Glez é un pintor e artista plástico de orixe colombiana que medrou e se formou en Galicia, concretamente en Allariz, lugar no que reside e traballa. Tras unha etapa de aprendizaxe en escolas como a EASD Antonio Faílde e outras academias, encontrou o seu camiño da man do pintor Borja Buces, a quen considera mestre e amigo.
A súa práctica céntrase principalmente no retrato, cun enfoque colorista e expresivo no que a luz se converte nun elemento estruturador da obra. O seu traballo combina a precisión formal cunha atención constante ao estudo da cor e da luminosidade, outorgando intensidade e vitalidade ás súas composicións.
Nos últimos anos incorporou á súa traxectoria unha nova paixón: a docencia artística. Desde hai dous anos desenvolve unha actividade pedagóxica en proxectos persoais, ampliando o seu compromiso coa creación cara ao ámbito formativo e compartindo procesos con novas xeracións.