Convocatoria. I Edición Estudios Abertos Ourense 25 a 27 de Outubro de 2024
Queremos organizar a primeira apertura coordinada de estudios de artista na cidade e as súas proximidades, un evento que achegue público e artistas e contribúa a visibilizar a cidade de Ourense como espazo creativo.
Máis alá desta primeira edición, estamos a traballar nunha web que funcione a xeito de directorio-guía de artistas, así que, se pensas que este proxecto te interpela e queres formar parte desta aventura, convidámoste a que cubras este formulario ou envíes a información requirida a [email protected].
Tanto se tes ou non tes estudio, se podes participar nesta primeira edición ou as datas non te veñen ben, queremos elaborar un mapa de quen somos e de onde estamos, así que podes cubrir este formulario indicando cal é o teu caso e formar parte da nosa rede de contactos para manterte ao tanto, porque a idea é que esta sexa a primeira de moitas futuras edicións.
Grazas anticipadas!
BASES
A Maquinadora, Activadora de Ideas e Proxectos, é un colectivo de recente creación en Ourense, constituído por ex-alumnado e comunidade educativa do Ciclo de Produción de Audiovisuais e de Espectáculos do CIFP A Farixa. Funciona como un laboratorio de ideas e unha ferramenta para a activación de proxectos, aproveitando o potencial creativo e as inquedanzas do estudantado, comunidades creativas, sectores produtivos e veciñanza implicadas en distintos eidos da acción social e cultural. A Maquinadora ten forma de Asociación Cultural sen ánimo de lucro
A participación dos estudios e das/os artistas baséase nun acordo de colaboración e non supón ningún custo para as/os artistas nin remuneración por parte da Maquinadora. A actividade comercial que poidan desenvolver as/os artistas nos seus estudios durante os días do evento é exclusivamente entre as/os artistas e os posibles clientes. A Maquinadora non realizará acción comercial nin cobrará comisión polas vendas que se poidan realizar. Cada artista é responsable das súas obrigas nesta materia. O evento será de libre acceso e o público non pagará entrada algunha para visitar os estudios
As/os artistas poden inscribirse para formar parte da rede de contactos de Estudios Abertos de Ourense e poden participar co seu estudio propio, cun estudio Pop-Up organizado pola súa conta ou en colaboración con outras/os artistas, ou ser acollidas/os por espazos xestionados pola organización (dependendo da dispoñibilidade)
A Maquinadora resérvase o dereito de seleccionar espazos e talleres baseándose en criterios curatoriais de calidade, equilibrio e pertinencia. Ademais, asumirá a coordinación, xestión de comunicación, deseño gráfico, deseño de campaña, xestión de redes sociais e páxina web, atención a medios de comunicación, etc., facendo o esforzo de difundir ao máximo o evento para conseguir a maior participación de público posible.
Os estudios participantes comprométense a seguir as indicacións da organización, respectando os horarios de apertura e actuando como anfitrións durante as xornadas do evento. Deberán proporcionar información sobre os demais espazos asociados e o material promocional das entidades e empresas colaboradoras que se lles facilite. As/os artistas participantes comprométense a colaborar activamente na difusión e promoción da actividade a través dos seus medios, proporcionando textos e imaxes que sexan requiridos pola organización e participando nas accións de comunicación que se organicen (roda de prensa, video presentacións, etc).
- Venres 25 de outubro: De 16:00h a 21:00h
- Sábado 26 de outubro: De 11:00 a 14:30h e de 16:00h a 21:00h
- Domingo 27 de outubro: De 11:00 a 14:30h e de 16:00h a 20:00
As/os artistas consinten a utilización dos recursos facilitados para a comunicación pública a través da páxina web, redes sociais, etc., así como a utilización do seu nome no contexto da mesma. Así mesmo, aceptan a recollida de datos e a súa xestión por parte da organización, e recibir información sobre este e próximos eventos da Maquinadora.
A Maquinadora, Activadora de Ideas e Proxectos, comprométese a non tratar os datos persoais facilitados polos participantes, salvo para fins relativos á
organización do evento evitando a súa cesión ou trasferencia a terceiros. No momento de inscrición dos artistas a través dá Web, recabarase o consentimento dos artistas á política de privacidade da Maquinadora, Activadora de Ideas e Proxectos.