Por primeira vez, Verín incorpórase ao mapa de Estudios Abertos Ourense da man da obra e da personalidade singular de Fernando Barreira. O artista abrirá as portas do seu universo creativo cunha dobre experiencia: o Barreira Showroom, un espazo comercial que habitualmente funciona con cita previa, e o seu propio taller, cun xardín no que a obra se expandirá de maneira instalativa.
Visitar o Barreira Showroom é entrar nun espazo difícil de clasificar: unha acumulación viva de pinturas, esculturas, mobiliario e obxectos que percorre máis de catro décadas de creación. A visita continuará no taller e no xardín, onde as pezas abandonarán o contexto expositivo convencional para dialogar coa arquitectura, a vexetación e o territorio.
Fernando Barreira (Verín, 1964) trasladouse aos dezaseis anos a Madrid, onde se formou en arte publicitaria, decoración, deseño gráfico e deseño de moda. Estudou no Centro Español de Valle de Suchil, obtendo matrículas de honra en Pintura e Debuxo, e completou a súa formación no Círculo de Belas Artes de Madrid. Achegouse tamén á escultura no taller de Enrique Cabildo e ao gravado no de Alonso Piñuela-Infantas.
A súa traxectoria profesional desenvolveuse entre a arte, a moda, o deseño, a televisión e a dirección creativa. Traballou para empresas como Apple, Antena 3 ou Inditex antes de concentrarse plenamente na pintura e na escultura. A súa obra foi presentada en España e en cidades como Milán, Zúric, Edimburgo, Lisboa ou Doha.
Pintura, escultura, deseño, mobiliario e obxectos conviven nunha práctica radicalmente persoal, alimentada por unha curiosidade constante e allea ás fronteiras entre disciplinas. A súa obra figurativa, expresiva e exuberante propón un percorrido polo corpo, a identidade e a experiencia vital, sempre atravesado polo carácter inconfundible do artista.
