Ehlaba Carballo de Dios participa por terceiro ano consecutivo en Estudios Abertos Ourense, abrindo novamente as portas da súa casa-estudio, situada no rural de Xunqueira de Espadanedo. Nesta edición convida a Roi Domínguez, un artista novo que incorpora outras linguaxes e sensibilidades ao encontro.
Ehlaba
Conta cunha ampla traxectoria vinculada ao territorio, á natureza, á memoria e á expresión emocional. Ao longo da súa carreira desenvolveu unha linguaxe visual propia, na que o orgánico e o simbólico ocupan un lugar fundamental. A súa obra constrúe un imaxinario nacido dunha mirada sensible cara ao contorno e ás paisaxes interiores, explorando tamén o diálogo entre disciplinas en colaboración con outros creadores.
Realizou exposicións individuais e colectivas en España e no ámbito internacional, en espazos como o Museo do Pobo Galego, o Museo Interactivo da Historia de Lugo ou o Museo de Kyoto. Participou tamén en feiras de arte contemporánea como World Art Dubai, Arteando, Puro Arte Vigo e Artexpo New York.
Roi Domínguez
É un artista plástico nado no Barco de Valdeorras e residente en Ourense, onde desenvolve tamén o seu labor docente no IES San Mamede de Maceda. É técnico superior en Escultura pola EASD Pablo Picasso e graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na que cursou tamén o mestrado en Creación e Investigación en Arte Contemporánea.
A súa práctica multidisciplinar parte dunha concepción expandida da escultura, entendida como unha ferramenta para intervir nas relacións entre materia, contexto e espazo. Traballa con obxectos recuperados, materiais precarios e procedementos ligados á inmediatez e á necesidade, que combina con referencias á tradición e á historia da arte.
A súa obra foi seleccionada en certames como Novos Valores da Deputación de Pontevedra, o Certame de Escultura Francisco Asorey, o Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense ou o Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, no que obtivo o terceiro premio en 2019. Expuxo no Museo Provincial de Lugo, no Museo de Pontevedra e no Pazo da Cultura de Pontevedra, ademais de en diferentes galerías e espazos artísticos.
