Natalia Figueiras (Ourense, 1976) é unha artista multidisciplinar cuxa práctica abarca fotografía artística, videocreación, escultura, instalación e fotoescultura. Activa desde hai máis de dúas décadas, centra o seu interese na natureza como depositaria de humanidade, nos espazos que transmiten unha presenza ou ánima, e nas transformacións urbanísticas e arquitectónicas derivadas da intervención sobre a contorna natural.
A súa formación pluridisciplinar abrangue Historia da Arte (USC e UCM), Conservación e Restauración de Patrimonio Histórico-Artístico (UPV) e Artes Plásticas e Deseño, especialidade en Fotografía Artística (EASD Antonio Faílde). Esta sólida base complétase coa súa traxectoria profesional como docente e investigadora en Historia da Arte e Patrimonio Cultural, actualmente na ESCRBCG.
O seu traballo integra investigación, docencia e creación artística, desenvolvendo un enfoque transversal que conecta disciplinas e amplía os límites da práctica. A súa obra testemuña unha constante exploración arredor do vínculo entre ser humano e contorno, configurando unha proposta que escapa a etiquetas únicas e se move entre distintos territorios estéticos.