Skip to content Skip to footer

ANDÉN 1

Andén 1 é unha asociación cultural situada nunha vella nave do complexo da estación de tren de Ourense, no barrio da Ponte. Fundada en 2014, converteuse nun dos principais focos de actividade cultural, social e reivindicativa da zona, cunha especial vinculación ao entroido, así como ao patrimonio natural, material e inmaterial de Ponte Canedo. Polas súas instalacións teñen pasado colectivos e artistas de diversas disciplinas, e dos seus traballos xurdiron algúns dos máis icónicos referentes do entroido ourensán. Andén 1 é ademais a base creativa de David Gesto, quen acollerá para esta ocasión aos outros 4 artistas que compartirán o estudio de forma temporal.

David Gesto

David Gesto é un artista polifacético e activista do barrio da Ponte en Ourense, que se define principalmente como debuxante e artista entroideiro. Arquitecto técnico e profesor de Artes Plásticas no IES 12 de Outubro, Gesto ten unha longa traxectoria de traballo comunitario e arte participativa. Creador do Frei Canedo da Ponte e da súa identidade corporativa, o seu traballo está profundamente vinculado ao entroido e á cultura popular. Especialízase no debuxo, utilizando técnicas como pluma, lápis e rotuladores, aplicando as súas habilidades tanto á escenografía como ao traballo en cartón pedra. O seu espazo, Andén I, funciona como un museo vivo do entroido e como un espazo comunitario para o desenvolvemento de proxectos colectivos. A súa práctica inclúe tamén pintura e escultura en papel, sempre mantendo o enfoque na interacción co contexto cultural e social do barrio.

Masa (Masakazu Shida)

Masakazu Shida é un artista xaponés afincado en Ourense desde 2005. Formouse no Kyoto Institute of Technology e na Kyoto City University of Arts, onde completou un mestrado en Belas Artes, cunha ampla formación en arquitectura, teoría e filosofía do deseño. Iniciou a súa carreira no ámbito da moda, traballando como deseñador en Londres, combinando influencias do punk rock e o estilo urbano británico. Trala súa chegada a Galicia, fundou a súa propia firma de accesorios e enfocou o seu traballo nas artes plásticas, explorando o campo da cerámica.

Shida formouse tamén na Escola de Artes e Oficios de Ourense no departamento de olaría e esmalte en cerámica, disciplina na que actualmente é mestre. O seu traballo foi exposto en numerosas galerías e museos tanto en Xapón como en España, destacando o seu uso de técnicas mixtas e instalacións. Entre as súas exposicións recentes, salientan mostras no Museo Marcos Valcárcel e a Galería Visol en Ourense.

Luca Log (Luca Lo Giudice)

Luca Lo Giudice, coñecido artisticamente como Luca Log, é un artista plástico con raíces españolas e italianas, nado en Suíza e criado en Ourense. O seu traballo abarca diversas disciplinas como a escultura, pintura, graffiti e ebanistería, fusionando técnicas tradicionais con influencias urbanas. Aos 13 anos, cofundou un dos primeiros colectivos de graffiti en Ourense, o que marcou o inicio da súa traxectoria artística.

Formado na EASD Antonio Faílde de Ourense, onde se especializou en Ebanistería Artística, e na Pablo Picasso da Coruña, onde completou o FP Superior en Escultura, Luca traballou en diversos proxectos de arte comercial, deseño e escenografía. Dende 2018, Luca dedícase exclusivamente ás artes plásticas e ao tatuaxe, desenvolvendo o seu traballo no estudo e no ámbito urbano a través dos seus murais e esculturas.


Ferrer

Tony Ferrer, coñecido artísticamente como Ferrer, é un escultor ourensán especializado en escultura figurativa e neo-realista en bronce. Formado baixo a tutela do escultor Buciños, Ferrer domina todo o proceso creativo do bronce, desde o modelado ata a fundición e o acabado final. Desde os seus comezos en 1994, centrou a súa obra na figura feminina, destacando entre as súas creacións o Monumento á Muller na rotonda de Emilia Pardo Bazán, en Ourense.

En 2008, Ferrer abriu a Galería Ferrer en Ourense, onde expuxo a súa obra de maneira permanente e deu visibilidade a outros artistas locais. Ao longo da súa carreira, colaborou en numerosos proxectos culturais e solidarios, consolidándose como unha figura importante no panorama escultórico galego.

Susana Ballester

Susana Ballester iniciou a súa formación artística en Ourense, onde estudou na Escola de Artes e Oficios, sendo alumna de María Rosa Caporale. Durante esa etapa, presentouse a varios concursos, conseguindo o terceiro premio no Certame Nacional Xuvenil de Artes Plásticas. Posteriormente, marchou a Salamanca para estudar Belas Artes, especializándose en Deseño Gráfico e Audiovisuais. Ao longo da súa carreira, realizou pequenas exposicións e colaborou con artistas consagrados.

A súa traxectoria profesional abarca o deseño gráfico, a arquitectura de interiores e a docencia. Na actualidade, Susana combina o seu traballo artístico, centrado na pintura e o collage, coa ensinanza de debuxo e pintura.

Info do Espazo