Foto: Antonio Cid
Na primeira edición de Estudios Abertos Ourense, Baldomero Moreiras abriunos as portas do seu taller na antiga reitoral de Golpellás, en Paderne de Allariz. Nesta ocasión convídanos a descubrir a súa casa-estudio, situada nun dos edificios históricos máis emblemáticos da praza de Vilanova dos Infantes. O espazo atesoura, ademais da súa propia obra, unha importante colección de arte galega, cunha presenza destacada de artistas ourensáns.
A visita permitirá achegarnos á creación de Baldomero Moreiras e, ao mesmo tempo, percorrer un dos conxuntos patrimoniais máis fermosos e singulares da provincia. Presidida pola súa torre medieval e atravesada por rúas empedradas, Vilanova dos Infantes incorporouse en 2026 á rede oficial de Los Pueblos Más Bonitos de España. Unha oportunidade excepcional para descubrir unha vila cargada de historia coa arte como protagonista.
Baldomero Moreiras (Celanova, 1955) iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Ourense, onde foi alumno de Xaquín Lorenzo, Xocas, e Luís López Cid. Posteriormente estudou gravado en Madrid e, en 1982, instalouse en Roma, onde vendeu as súas acuarelas na Piazza Navona e exerceu como profesor de cerámica na Galería San Calisto.
Pintor, ceramista, cartelista e ilustrador, desenvolveu unha práctica marcada pola experimentación con linguaxes e soportes diversos, desde a obra gráfica e a ilustración editorial ata grandes lonas negras e pezas tridimensionais. A súa traxectoria inclúe exposicións en Madrid, Lisboa, Porto, Coímbra, Roma e Valencia, ademais dunha presenza continuada no circuíto cultural galego. Entre os seus proxectos recentes destacan El eco de las amazonas, presentado no Museo do Pobo Galego e no Porto, e Válvula de escape. Friso Locus Amoenus, exhibido no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e na Casa dos Poetas de Celanova.
Foto: Antonio Cid
Fotos de: Mani Moretón
Foto: Antonio Cid
