Manolo Figueiras naceu en México D.F. no ano 1961, fillo de pai catalán e nai galega. No ano 1965, a nai retornou con el a Cambeo, unha pequena aldea do concello de Coles, próxima á cidade de Ourense.
Estudou Técnicas Gráficas e de Estampación na Escola de Artes Aplicadas de Madrid e Historia da Arte na Universidade de Santiago. Traballou como ilustrador en diversos medios de comunicación gráfica e, no ano 1988, obtivo a praza de catedrático de instituto na especialidade de Debuxo. Con todo, o cerne da súa actividade céntrase na práctica da pintura, e ten realizado diversas exposicións, tanto individuais como colectivas. Tamén ten escrito numerosos textos sobre teoría e crítica da arte e é autor das placas cerámicas que, na cidade de Ourense, marcan o roteiro baseado en A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. Ten ilustrado libros de poesía de autores como Rosalía de Castro, Antón Riveiro Coello, Xosé María Cáccamo, Manuel Outeiriño, Lucía Novas ou Francisco Fernández Naval.