Xavier Riomao é artista visual, doutor e licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. A súa traxectoria abrangue escultura, pintura, gravado, fotografía e instalación, configurando un corpus plástico diverso e reflexivo. Ademais da súa práctica artística, desenvolveu un amplo labor como galerista, crítico de arte e docente universitario, sendo na actualidade o coordinador da sala Alterarte do Campus de Ourense.
Na súa obra actual traballa arredor do proxecto “A mazá lúcida”, unha metáfora visual que aborda a idea do planeta Terra como produto consumible e imperecedoiro. A través das súas pezas, Riomao reflexiona sobre a perda de poder adquisitivo, a acumulación de bens materiais e o desequilibrio social inherente ás economías contemporáneas. O seu traballo propón unha mirada crítica sobre o consumo e a desigualdade, explorando as tensións entre poder, riqueza e sustentabilidade.
Nesta II edición de Estudios Abertos Ourense, Riomao participa por primeira vez, abrindo o seu espazo de traballo en Esgos, na Estrada Ourense–Ponferrada, nº 34, a poucos minutos da cidade.
