A Casa do Pozo, proxecto impulsado polo creador e comisario Mateo Feijóo, poderá visitarse só na mañá do domingo 26 de outubro, dentro dun roteiro especial con saída ás 10:30 h desde o intercambiador da Alameda de Ourense e que inclue no roteiro a visita ao espazo de Luísa Álvarez en Bande. As prazas son limitadas e deben reservarse previamente a través da web de Estudios Abertos Ourense.
Situada na aldea de San Fiz de Vilar de Bande, A Casa do Pozo é un proxecto relacional que entende a arte como ferramenta de transformación comunitaria e como espazo para o pensamento compartido. Lonxe da espectacularidade e do turismo cultural, propón un traballo de raíz, centrado na autenticidade das relacións humanas e na capacidade da creación para xerar pertenza, reflexión e coidado mutuo.
Impulsado por Mateo Feijóo, figura destacada da creación contemporánea e das artes vivas, con traxectoria en proxectos como Naves Matadero (Madrid) ou Centro Párraga (Murcia), o proxecto naceu da vontade de volver ás orixes familiares e activar no rural un espazo onde arte, pensamento, tradición e educación se dean a man.
Nos últimos anos, por San Fiz de Vilar pasaron artistas, creadoras e investigadores que deixaron pegada na contorna a través de accións colectivas, intervencións discretas e procesos compartidos cos veciños, centrados na memoria, a palabra, a paisaxe e o ritmo propio do lugar. Cada paso dado pola Casa do Pozo deixa un rastro de convivencia e experimentación, fortalecendo a idea de comunidade desde a arte.
