Skip to content Skip to footer

EN PARALELO

Estudios Abertos medra tamén en diálogo cos espazos que sosteñen durante todo o ano a actividade artística da cidade. Nesta edición incorporamos ao mapa unha serie de galerías e salas de exposicións que se suman ao programa ampliando os seus horarios habituais ou propoñendo actividades específicas durante a fin de semana.

Así que, se te achegas desde outras cidades ou queres completar as túas visitas aos estudios, non deixes de consultar os seus programas e achegarte a coñecer as súas propostas. Hai moita máis arte agardando por ti en Ourense.

Galería Marisa Marimón

Rúa Benito Vicetto, 5 · Ourense

Horario habitual: de luns a venres, de 12:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 h.
Horario especial Estudios Abertos: Sábado 24 de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h.

A Galería Marisa Marimón presenta ata o 2 de novembro El elemento caprichoso, exposición individual de Tamara Feijóo que reúne traballos realizados durante os últimos dous anos. Debuxo e pintura sobre papeis recuperados e envellecidos constrúen unha investigación arredor da pegada, o desgaste e o paso do tempo, nunha obra na que natureza, ser humano e memoria material permanecen estreitamente relacionados.

Inaugurada en 1994, Marisa Marimón é un dos espazos imprescindibles para comprender a historia recente da arte contemporánea en Ourense. Desde a súa apertura mantivo unha programación orientada tanto a artistas emerxentes como a traxectorias consolidadas, colaborando con institucións, museos, galerías e comisarios e participando de maneira continuada en ARCO entre 1996 e 2007. Máis de tres décadas de actividade convértena nun dos piares do ecosistema artístico da cidade e nunha das galerías galegas de maior traxectoria.

Galería Visol

Rúa Santo Domingo, 33 · Ourense

Horario habitual: de martes a venres, de 18:00 a 20:30 h.
Horario especial Estudios Abertos: Sábado de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h.

Coincidindo con Estudios Abertos, a Galería Visol proporá unha mostra dedicada á Xeración Volter, recuperando a obra de artistas históricos ourensáns xa desaparecidos pero fundamentais para comprender a cidade e a provincia no contexto da arte galega contemporánea. A exposición parte do importante fondo artístico reunido pola galería ao longo da súa traxectoria.

Visol abriu as súas portas en 1996 e vén de cumprir trinta anos de actividade. Ao longo destas tres décadas construíu unha historia estreitamente ligada á creación ourensá, combinando artistas históricos e contemporáneos e mantendo unha relación directa e próxima con creadores, coleccionistas e público. Un espazo que forma parte da memoria artística recente da cidade e que continúa reivindicando a necesidade de manter vivo o contacto coa arte.

Dodo Dadá

Rúa Liberdade, 32 · Ourense

Horario habitual: martes, de 18:00 a 21:30 h; mércores a venres, de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30 h; sábado, de 11:00 a 14:00 h.
Actividade especial Estudios Abertos: Visita guiada con Mark Ritchie Venres 23 ás 20:00h.

Dodo Dadá participa dobremente nesta edición. Na planta soto poderemos entrar nos espazos de traballo de Marita Carmona e Xosé Vilamoure, mentres que a sala de exposicións acolle All in the Mind, do fotógrafo australiano afincado en Ourense Mark Ritchie, aberta do 17 de setembro ao 7 de novembro. Unha exposición fotográfica en branco e negro que parte da memoria persoal e relaciona lembranza, natureza, papel e auga. Durante Estudios Abertos, o propio Mark Ritchie acompañará a mostra e compartirá o seu traballo cos visitantes.

Dodo Dadá é unha galería, pero tamén un espazo de encontro, formación e creación. Dirixida por Marita Carmona e Xosé Vilamoure, a súa condición híbrida (galería, escola, taller e lugar para actividades e debates) converteuna nun dos espazos máis singulares e activos do centro histórico, cunha programación que aposta pola proximidade cos artistas, a diversidade de discursos e unha relación directa coa comunidade.

Galería de Arte Souto 

Praza Paz Nóvoa, 1 · Ourense

Horario habitual: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 h; sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:30 a 21:00 h.
Horario especial Estudios Abertos: 10:00h a 14:00h 16:30h a 21:00h e domingo de 11:00h a 14:00h.

Entrar en Galería de Arte Souto significa acceder probablemente á mostra permanente máis ampla e accesible de arte galega contemporánea —e particularmente ourensá— que se pode atopar na cidade. O seu extenso fondo de galería converte o espazo nun lugar vivo e cambiante, cheo de estímulos e directamente orientado á venda e ao coleccionismo, no que conviven linguaxes, xeracións e estilos moi diferentes.

A historia do espazo afunde ademais as súas raíces na propia historia do galerismo ourensán. Marcos Souto abriu hai décadas a que foi considerada a primeira galería de arte da cidade. En 2018 o proxecto recuperou a súa actividade expositiva baixo unha nova xeración familiar, poñendo novamente en circulación un importante fondo artístico acumulado ao longo dos anos. Hoxe continúa sendo un dos axentes comerciais máis dinámicos da arte na cidade e unha oportunidade excepcional para descubrir —e tamén para comprar— arte galega.

Sala Alterarte · Universidade de Vigo

Horario habitual: de luns a venres, de 9:00 a 21:00 h.
Actividade especial Estudios Abertos: venres 23 de outubro, ás 17:00 h. Café en compañía dalgunhas das persoas protagonistas da instalación. Entrada gratuíta, sen reserva previa.

Ata o 13 de novembro, a sala presenta a primeira instalación piloto de Lo siento, yo tampoco soy de aquí, de Natasha Lelenco. O proxecto parte das voces e das historias de persoas migrantes e combina pintura, son e vídeo para abordar a identidade e o sentimento de pertenza. A actividade, enmarcada no programa paralelo, contará coa participación dalgunhas das persoas cuxas historias forman parte da instalación.

Inaugurada en 2004, Alterarte é a sala de arte contemporánea do campus de Ourense. Desde hai máis de dúas décadas, acolle propostas experimentais e traballos de artistas emerxentes, moitos deles formados na Universidade de Vigo.

Resumen de privacidad

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.

RESPONSABLE
UNHA MÁQUINA DE MECANIZADO, ACTIVADORA DE PROXECTOS E IDEAS con N.I.F.: G-42.845.917
Enderezo: rúa Irmáns Xesta, nº6, Baixo, 32002, Ourense
Teléfono: 680 580 545
Correo electrónico: [email protected]