Pita na Uralita incorpórase por primeira vez a Estudios Abertos Ourense, dando alento a unha nova xeración de artistas visuais da cidade. O proxecto foi impulsado por Eva González Formoso en xaneiro de 2026, despois de participar como artista convidada en O Cabalo Fosforito na edición anterior.
Tenda, estudio e aula ao mesmo tempo, o espazo naceu da necesidade de Eva de contar cun lugar propio para crear e da vontade de achegar a arte á xente. Nel conviven a obra e a artesanía de artistas ourensás, as clases de pintura, os obradoiros e a produción artística.
O nome, Pita na Uralita, xoga co contraste entre a tradición rural e a modernidade vivido pola xeración que medrou na Galicia dos primeiros anos do século XXI.
Nesta edición, Eva compartirá o espazo con Neila Escanciano Currás, Neescu, como artista convidada.
Eva González Formoso — Eva GF
Artista, pintora e ilustradora formada na EASD Antonio Faílde. A súa obra inspírase na natureza, no mundo rural, no territorio dos soños e na cultura visual da súa xeración. Traballa con acuarela, gouache, acrílico, óleo e ferramentas dixitais, entendendo a experimentación e o xogo como vías de expresión.
Instagram: @evagf_art
Neila Escanciano Currás — Neescu
Artista autodidacta cunha práctica centrada no collage e na técnica mixta. A través de papel, acrílico, madeira, fío e elementos naturais constrúe un imaxinario onírico e surrealista no que destacan a natureza, as figuras femininas e a experiencia emocional.
Instagram: @neescu.marde
