Skip to content Skip to footer

FONTE DO OURO

Fonte do Ouro é un espazo de coworking artístico, galería e lugar de encontro situado na vila de Bande, en plena comarca da Baixa Limia–Serra do Xurés. O proxecto funciona como un nodo de creación e dinamización cultural desde o que se impulsan exposicións, colaboracións e propostas vinculadas ao territorio.

Nesta edición presenta unha mostra colectiva que reúne a Olga Bernardo, Toño Monteiro, María Alonso Murias, Antonio Álvarez Veloso, Luisa Álvarez e Soledad Blanco, seis artistas con linguaxes e traxectorias diversas conectadas pola atención á paisaxe, á memoria e aos materiais.

No marco da exposición presentarase tamén un catálogo dedicado á extensa traxectoria de Soledad Blanco e á súa obra iconográfica, desenvolvida ao longo dunha vida consagrada ao estudo e á práctica do icono bizantino. O proxecto, comisariado por Fonte do Ouro, incorpora a mirada do fotógrafo local Antonio Álvarez Veloso, autor das imaxes da publicación, e propón un diálogo entre dous artistas de xeracións distintas unidos pola súa sensibilidade cara ao territorio, a memoria e a arte.

Olga Bernardo

Artista autodidacta nacida e residente en Río Caldo, no corazón do Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés. A súa pintura expresionista transita pola abstracción figurativa e constrúese desde o xesto, a intuición e a experimentación, cunha cor intensa que se converte na protagonista da obra.

Toño Monteiro

Escultor ourensán cunha práctica baseada no oficio, na intuición e no coñecemento dos materiais. Traballa con madeira, pedra e ferro para crear formas próximas e de aparencia sinxela, vinculadas á paisaxe e aos materiais propios do Xurés, o seu territorio de orixe.

María Alonso Murias

Licenciada en Belas Artes, desenvolveu a súa traxectoria entre a fotografía, o audiovisual, o debuxo, a ilustración e a docencia. A súa obra observa espazos abandonados, muros e arquitecturas cotiás, procurando neles as pegadas do tempo e unha beleza oculta que dilúe as fronteiras entre fotografía e pintura.

Antonio Álvarez Veloso

Fotógrafo cunha traxectoria de máis de trinta anos intimamente ligada á Baixa Limia–Serra do Xurés. A súa mirada, rigorosa e sensible, detense na paisaxe rural, na arquitectura tradicional e na vida cotiá, construíndo unha crónica visual do territorio afastada do artificio.

Luisa Álvarez

Artista, deseñadora de iluminación e emprendedora creativa, é a impulsora de Fonte do Ouro. A súa práctica combina arte, deseño e dirección de proxectos e inicia agora unha nova etapa centrada no barro recollido na Baixa Limia, entendido como materia de creación e como vínculo directo co lugar que habita.

Soledad Blanco

Artista, iconógrafa e creadora do Museo de Iconas de Santa Comba de Bande, leva máis de catro décadas dedicada á iconografía bizantina. A súa obra recupera técnicas centenarias como a preparación da madeira, o dourado e a pintura ao ovo, desde o rigor, a paciencia e o respecto pola tradición.

A proposta reivindica o medio rural como espazo de creación, encontro e coñecemento, facendo visible unha produción artística que se desenvolve habitualmente afastada dos circuítos convencionais. Unha oportunidade para descubrir o Xurés desde a mirada de quen o habita, o percorre e o transforma en materia de creación.

Info do Espazo

Olga Bernardo, Toño Monteiro, María Alonso Murias, Antonio Álvarez, Luisa Álvarez e Soledad Blanco

Dirección / LocalizaciónCamiño Irmans Martinez 5, BandeHorarioSábado 17 e domingo 18 en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00hRoteirosPoderás facer a túa reserva aquíWebfontedoouroxures.comShare
Resumen de privacidad

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.

RESPONSABLE
UNHA MÁQUINA DE MECANIZADO, ACTIVADORA DE PROXECTOS E IDEAS con N.I.F.: G-42.845.917
Enderezo: rúa Irmáns Xesta, nº6, Baixo, 32002, Ourense
Teléfono: 680 580 545
Correo electrónico: [email protected]