Skip to content Skip to footer

FUNDACIÓN QUESADA

Por primeira vez en Estudios Abertos Ourense teremos a oportunidade de achegarnos a un espazo artístico de especial significación. No lugar de Vilar de Astrés abriremos as portas da Fundación Xaime Quesada Blanco, creada en 2007 para preservar, estudar e difundir o legado artístico de Xaime Quessada Porto e do seu fillo, Xaime Quesada Blanco.

O edificio que hoxe acolle a Fundación foi a casa familiar e o estudio dos dous artistas. Coñecido como Lucenza, o espazo foi concibido e deseñado pola arquitecta María Xesús Blanco Piñeiro, viúva de Quessada e nai de Xaime Quesada Blanco. Arquitectura, vida e creación entrelázanse nun lugar cargado de memoria, rodeado de natureza e intimamente ligado á obra de ambos.

Será, sen dúbida, unha das visitas máis especiais e máxicas desta edición, e teremos a oportunidade de coñecelo da man da propia María Xesús nunha visita que formará parte do roteiro organizado para a tarde do domingo 18, que permitirá achegarnos tamén aos estudios de Xosé Cid e Manuel Buciños e que poderá reservarse proximamente desde esta mesma web.

Xaime Quessada (Ourense, 1937–2007)

Foi un dos nomes fundamentais da renovación da arte galega na segunda metade do século XX. Formado na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid e posteriormente en París, desenvolveu unha intensa traxectoria internacional, con exposicións en Europa e América. Pintor, gravador, escultor, escenógrafo e escritor, construíu unha obra atravesada polo expresionismo, a experimentación formal e un profundo compromiso social e político. Formou parte do círculo ourensán coñecido como Os Artistiñas e do grupo O Volter.

Xaime Quesada Blanco (Ourense, 1975–2006)

Medrou entre a casa familiar da cidade e Lucenza, onde desde moi novo comezou a interesarse pola pintura. Tras estudar Belas Artes en Pontevedra, continuou a súa formación no estudio do seu pai e de maneira autodidacta. A súa obra evolucionou desde unha figuración de raíz expresionista cara a unha abstracción influída polas vangardas rusas, ampliándose tamén á escultura, ao muralismo, á ilustración e á literatura. A pesar da súa breve traxectoria, desenvolveu unha produción intensa e persoal, acompañada dunha firme implicación ante as inxustizas sociais e políticas do seu tempo.

Info do Espazo

Xaime Quessada e Xaime Quesada Blanco

Dirección / LocalizaciónParadela, Vilar de Astrés, Ourense, 32103HorarioSábado 17 e domingo 18 en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h. Poderase visitar por libre desprazándote polos teus propios medios ou reservando praza no roteiro Xosé Cid, Fundación Quesada e Buciños, na mesma tarde do día 18.RoteirosReserva a túa praza aquíWebhttps://proyectoversus.wixsite.comShare
Resumen de privacidad

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.

RESPONSABLE
UNHA MÁQUINA DE MECANIZADO, ACTIVADORA DE PROXECTOS E IDEAS con N.I.F.: G-42.845.917
Enderezo: rúa Irmáns Xesta, nº6, Baixo, 32002, Ourense
Teléfono: 680 580 545
Correo electrónico: [email protected]