Nesta 𝘐𝘐𝘐 𝘦𝘥𝘪𝘤𝘪𝘰́𝘯 𝘥𝘦 𝘌𝘴𝘵𝘶𝘥𝘪𝘰𝘴 𝘈𝘣𝘦𝘳𝘵𝘰𝘴 𝘖𝘶𝘳𝘦𝘯𝘴𝘦 teremos novamente a honra de abrir as portas do taller de Manuel Buciños, situado na aldea de Bobadela.
Cunha traxectoria de máis de sesenta anos, Buciños é unha figura fundamental da arte galega contemporánea. A súa obra, presente en museos, coleccións e espazos públicos de toda Galicia, combina tradición e modernidade a través de formas que transmiten forza e sensibilidade. Autor de pezas emblemáticas que forman parte da paisaxe urbana galega desde hai décadas, foi recoñecido con galardóns como o Premio Otero Pedrayo, o Premio Trasalba ou o Celanova, Casa dos Poetas.
O seu taller abrirá exclusivamente o domingo 18 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 h. Aínda que se atopa no termo municipal de Ourense, a visita implica un pequeno desprazamento ata Bobadela, que poderá realizarse por conta propia ou a través do roteiro organizado para esa mesma tarde.
O roteiro incluirá tamén visitas ao taller de Xosé Cid e á Fundación Quesada. As prazas poderán reservarse na nosa web a partir do 1 de outubro.
Unha ocasión excepcional para coñecer de preto o espazo de traballo dun dos grandes escultores do noso país.
