BASES
Estudios Abertos Ourense volverá este outono a encher de arte a cidade de Ourense e a súa provincia na fin de semana do vindeiro 23, 24 e 25 de outubro.
Estudios Abertos Ourense é un evento de apertura de espazos de creación vinculados ás artes visuais e á creación contemporánea na cidade e provincia de Ourense.
O proxecto busca achegar ao público o traballo das/os artistas participantes, activando temporalmente lugares que habitualmente permanecen pechados ou funcionan fóra dos circuítos expositivos convencionais.
A convocatoria está dirixida prioritariamente a artistas, colectivos e espazos cunha práctica activa no ámbito das artes visuais que non están abertos habitualmente ao público. Excepcionalmente, poderán presentarse espazos híbridos, comerciais, académicos, formativos ou creados especificamente para a ocasión, sempre que formulen unha proposta coherente coa filosofía do evento.
Estas propostas consistirán preferiblemente no comisariado de exposicións temporais durante os días do evento que conten coa presencia das/os artistas convidadas/os ou outros formatos temporais vinculados ás artes visuais e á creación contemporánea.
Co obxectivo de preservar o equilibrio, a experiencia do público e os criterios curatoriais do evento, convidarase a formar parte do programa a un número limitado de espazos.
Prazo de recepción de propostas
Ata o final do día 14 de xuño de 2026.
Comunicación de selección
Os espazos seleccionados serán contactados ao longo da última semana de xuño para formalizar a súa participación.
Compromiso
Os espazos deberán asumir un compromiso formal de apertura e participación durante os días do evento, respectando integramente os horarios oficiais establecidos pola organización.
Durante o horario de apertura ao público, os espazos deberán dedicar a súa actividade exclusivamente ao desenvolvemento do evento, non podendo compatibilizarse con actividades ordinarias alleas á programación, como clases regulares, atención comercial habitual ou outras dinámicas non vinculadas a Estudios Abertos.
Organización
A III Edición de Estudos Abertos Ourense está organizada por A Maquinadora, asociación sen ánimo de lucro formada por membros da comunidade educativa do CIFP A Farixa, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o CIFP A Farixa e outras entidades colaboradoras.
Estudos Abertos é unha produción cultural sen ánimo de lucro orientada á difusión e posta en valor das prácticas artísticas e dos espazos de creación da cidade e provincia de Ourense.
A participación realízase mediante acordo voluntario de libre adhesión, sen contraprestación económica entre as partes. De ser o caso, a venda de obra ou acordo profesional establecido entre as/os artistas e o público visitante realizarase exclusivamente entre as partes implicadas, sen intervención nin responsabilidade por parte da organización. As obrigas fiscais, laborais ou administrativas que puidesen derivarse destas relacións corresponderán integramente ás persoas participantes.
Envío de propostas
O envío de propostas farase a través do formulario que poderás atopar en
https://forms.gle/SX9xirfAaseVtEJt8
Consultas
Pata calquera consulta ou aclaración podes contactar en [email protected]