DebuxOu
DebuxOu é un colectivo de debuxantes nacido en Ourense en 2011, a raíz do primeiro Sketchcrawl organizado na cidade por Isabell Seidel, dentro da rede internacional Urban Sketchers. Desde entón reúnense cada primeiro sábado de mes para practicar o debuxo en localización, captando a realidade desde a observación directa e empregando todo tipo de técnicas e estilos. Ademais, organizan sesións con modelo, encontros abertos e intercambios con outros grupos de Galicia e Portugal.
Na súa práctica comparten unha filosofía clara: debuxar o que se ve, desde onde se está, respectando a diversidade das miradas individuais. A cidade convértese así nun caderno colectivo que recolle arquitecturas, persoas e momentos fugaces.
Durante esta II edición de Estudios Abertos Ourense, DebuxOu levará esta filosofía un paso máis aló: converterán todos os obradoiros participantes —e a cidade no seu conxunto— no seu propio estudio, elaborando sobre a marcha unha reportaxe debuxada do evento. As obras resultantes formarán parte dunha exposición que se inaugurará en decembro.
